Manifesto “NUEVA CULTURA”

Se algún suceso da técnica intelectual pode sinalar a nova situación do noso tempo, ese é o desenvolvemento dos medios de comunicación: a prensa, o cinema, internet, a televisión… A enorme forza social destes na vida moderna é evidente. A triste situación material e política do noso tempo perverteu de tal forma o seu sentido que as que deberan ser as forzas culturais están hoxe en mans de grandes empresas, instrumentos degradados de opresión espiritual ao servizo do beneficio do capital.

Fronte ás forzas do capital que asolagan o mundo con todas as formas posibles de expresión cultural para difundir os valores sobre os que se sostén (o individualismo, o heteropatriarcado, a competitividade, a guerra, a violencia, a desigualdade, o egoísmo) e fronte á súa cultura postmoderna, é necesario enfrontar unha NUEVA CULTURA da modernidade, a solidariedade e a xustiza social que poña as forzas do traballo no centro da transformación.

Esta NUEVA CULTURA pode e debe ser a potente panca para transformar as condicións históricas e sociais, e debe incitar o desenvolvemento humano a través dunha cultura que sintetice a inquedanza de todas as xeracións de artistas (especialmente as máis novas) que senten ferver no seu sangue os latexos destes novos tempos.

Unha das tarefas máis esenciais da nosa existencia debe ser esta: loitar contra a acción denigrante e infame dos medios de comunicación; despexar o escuro ambiente da densa tinta mercenaria, cunha franca e resolta acción crítica, polémica e creadora.

Todo o que signifique unha loita contra a reacción do capitalismo e do fascismo que negan o ser humano na súa diversidade, contra o heteropatriarcado que nega a muller e o seu papel protagonista na historia do mundo e, en definitiva, contra a violencia exercida sobre os colectivos historicamente oprimidos, pode e debe estar connosco.

Queremos opoñer á forza monstruosa e dexeneradora da prensa corruptora outra plena de convicción enérxica e creadora que cumpra o seu nobre destino cultural axudando a realizar a xustiza social, fórmula suprema da liberdade humana.

Un recordo especial adicaremos á experiencia precursora impulsada por Josep Renau en 1935 baixo o mesmo nome e co mesmo propósito, pero sendo conscientes da gran responsabilidade que supón coller esa testemuña.

Queremos que as nosas páxinas se abran á máis ampla inspiración humana. En NUEVA CULTURA esperamos e desexamos a compañía de canto supoña unha forza viva e fecunda.

Abandonar este impulso en mans doutros supoñería frustrar parte da nosa misión, porque alí onde outros rematan, nós aínda temos moito por facer.

COMMENTS ARE OFF THIS POST

    INSTAGRAM
    Conócenos mejor